3º ESO

PROCESO


1. Distinción entre poemas musicados e letras de cancións actuais. 

  • - Cales dos vídeos seleccionados pensas que corresponden con poemas do XIX musicados? Poderíanse identificar sen coñecer os textos nin investigar? Que permite recoñecelos?






2. Procura no contexto biográfico e social das claves da denuncia de textos do XIX.


Escollemos, nun reparto en grupos, textos das principais liñas temáticas da vea cívica do Rexurdimento e profundamos minimamente na realidade da época que lle outorgou pleno sentido a este lirismo comprometido.

  • -  Que realidade social está presente no texto? Hai referencias históricas explícitas?
  • -  Poden percibirse experiencias persoais, do/a propio/a autor/a ou dun falante lírico dunha determinada clase social? Cales?
  • -  Que postura adopta o emisor? Pretende denunciar? De que xeito puido contribuír a formar conciencia nas persoas que leron o poema?

Para centrar as respostas, serán de utilidade os seguintes materiais:
  i) Liña do tempo e vídeo sobre o contexto histórico do XIX.

  
ii) Datos sobre a situación dos labregos.


  iii) Presentación A lingua galega no s. XIX
  iv) Biografías en imaxes de Rosalía de Castro, Curros e Pondal
  v) Vídeo Curros Enríquez e a liberdade de expresión



3. Ilustración global de distintos poemas de acordo co tema.


Para o texto anterior traballado por cada grupo, procuramos unha imaxe (só unha) que poida suxerir o seu tema. Evitaremos quedarnos na mera representación dun elemento descrito ou aludido e xustificaremos a escolla (explicando por que esa imaxe representa a mensaxe do poema).
Para a extracción do tema na poesía, pode ser de axuda esta guía:



4. Escolla de versos para imaxes da actualidade dadas.


Realizamos agora o proceso contrario. Procuramos nos textos escolmados un par de versos (aproximadamente) para unha destas imaxes.
Posteriormente, expóñense, contrástanse e deféndense as diferentes propostas.





5. Reescrita dun texto do Rexurdimento a partir de conexións sociais.


Cada grupo vai crear un poema que, no que se refire á orientación e ao uso de recursos, se apoie nos traballados previamente, mais enfocando a realidade na que vivimos con formas actuais. Trátase, logo, de situarse na liña da poesía de preocupacións sociais, cultivada tamén en distintas etapas do s. XX (Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María…) e que recupera o seu pulso actualmente. Deste xeito:

5.1. Repártense entre os grupos as seguintes posibilidades de conexión. Trabállanse acudindo de novo á escolma de textos e ao final intercámbianse os resultados.


Exemplos de conexións:

  • (1) Personificación de Galicia, encarnado nun ser maltratado, a quen se dirixe en apóstrofe un falante lírico indignado, solidario e/ou doído. > Actualmente tamén se podería personificar unha entidade: a propia Galicia, un continente, un colectivo como os desafiuzados, etc.
  • (2) A emigración masiva por causa da extrema pobreza de boa parte das clases populares. > A emigración tamén é un tema de actualidade, aínda que afecta máis ás clases medias con formación, de xeito especial á xente nova con estudos.
  • (3) Hipérbato: dos fillos teus ao amor non tes dereito - por que o peitiño de dores tes cheo? - dos celtas antigos, gloriosos exemplos... > Sen recursos nos deixan, das nosas casas expulsadas.
  • (4) Hipérbole: reino sen segundo - nin pedra deixaron en donde eu vivía - Galicia sen homes quedas... > Todas as portas pechadas para a dignidade.


5.2. Escóllese, con coherencia, unha opción de cada conexión para escribir unha poesía de denuncia.

Exemplo a partir das conexións anteriores:
Vestíronte de aventura
para o gran parque de distraccións do teu futuro.
Cubriron con metalizado aeronáutico
o camiño de medo milenario que che rodea as costelas.
Seica presta deixar a chuvia necesaria, din.

Pero ti sentes o contacto, a palma de papel aceiro que te empurra fóra do recinto...
ti sabes que están todas as portas pechadas para dicir quen es.
Sen recursos te deixan, da túa terra expulsada.

E chegou a hora de responder, xentenova,
esfarrapar roupa e medo e dicir aquí son.


6. Planificación dun videopoema.


- Retócase a creación poética, procurando a máxima suxestión, pónselle título se aínda non o ten e grávase o recitado.
- Elíxese unha peza musical actual e axústase ao poema para conseguir que o reforce sen interferencias.
- Escóllense imaxes da prensa ou das redes sociais para ilustrar esa composición propia.
- Establécense as correspondencias entre imaxes e texto coa música.

O proceso máis en detalle:

6.1. Texto recitado
Hai que preparar agora a lectura interpretativa da creación. Para iso, especificade:

  • a) as marcas das pausas precisas; empregade distinto número de barras para diferenciar as pausas menores das maiores: / , // ...
  • b) as énfases en determinadas palabras con especial contido, subliñándoas;
  • c) o ton que mellor lle acae ao tema: íntimo, confidente, solemne, grave, irónico…; neste punto haberá que atender a extensión dos versos e as pausas marcadas, pois os períodos longos soen requirir un ton máis monótono e mesmo grave ou solemne; en cambio, a arte menor e as oracións breves ou con abundantes pausas dispoñen para un ton máis dinámico: decidido, cómico, alegre…

Por exemplo, encarréirase moito mellor a lectura destes versos de Rosalía así:
(TON DE CARRAXE LEVEMENTE CONTIDA)
- María, / se non fora /
porque hai un Dios que premia e que castiga, //
eu matara eses homes /
como mata un raposo a unha galiña.

Unha boa opción para gravar e editar o son é Audacity (descarga e titorial).

6.2. Texto e música
Procurade un tema de grupos galegos actuais adecuado ao texto, a maioría de descarga libre. Se precisades extraer o audio de Youtube, hai ferramentas coma esta.

É moi importante acoplar ben a peza ao recitado, evitando que interfira na comprensión. Haberá que xogar coa forza da música na introdución e nos créditos finais ou coa posibilidade de poñer música de fondo.

6.3. Texto e imaxes.
Ilustrade baseándovos nas suxestións, nas emocións, sensacións ou ideas que quixestes transmitir nos versos, e non no sentido literal, na simple referencia descritivo-narrativa. Así, se o voso poema contivese os anteriores versos de Rosalía, as imaxes deberan ilustrar a rabia de quen padece unha inxustiza (cunha persoa desafiuzada berrando, por exemplo) e non recoller sen máis unha figura de deus ou un raposo.

Seleccionade as imaxes máis contundentes sen texto e asegurádevos de que sexan ou ben vosas (como fotografías propias ou capturas da prensa) ou ben libres.

6.4. O guión
Planificade a combinación de todos os elementos para encamiñar a montaxe. Para as imaxes, pensade nas posibilidades expresivas dos filtros, texturas, superposicións... Se preferides un editor na rede, pode servir este. Incorporade ao final os créditos.

                              Inicio             Partes do poema            Peche e créditos
Versos e música

Imaxes

Efectos





7. Composición do videopoema.


Combinamos os diferentes elementos de acordo co que planificamos, coas revisións e cambios oportunos, empregando as ferramentas propostas. Evidentemente, cumprirá citar nos créditos a autoría da canción e a orixe das imaxes.
O resultado subirase á rede e recollerémolo neste espazo.



0 comentarios: