Con contexto



A Literatura Galega do século XIX é unha literatura fortemente vinculada á defensa da Terra e dos seus signos de identidade, especialmente o idioma. De aí que o contexto desta literatura sexa maioritariamente rural, ben para idealizar a paisaxe galega e amosar sentimental e folcloricamente os costumes do pobo galego, ben para salvar a ese pobo desde a literatura, a través da denuncia e da reivindicación social no marco dunha ideoloxía galeguista recén nacida.

A Literatura Galega do XIX é basicamente lírica. E a poesía do XIX é fundamentalmente cívica. Mais a visión que nos chegou dos tres grandes autor@s do Rexurdimento foi unha visión ben terxiversada, talvez interesadamente manipulada. Durante tempo, Curros apareceu ante nós como o dinamizador da emigración galega e o defensor da lingua universal. Até hai ben pouco, o himno galego, tirado dos Queixumes dos pinos de Pondal, non se podía cantar íntegro, foran censuradas as estrofas nas que se alude aos desertores do galego como “ignorantes, e féridos e duros, imbéciles e escuros”. Os falsos tópicos montados en torno Rosalía desde o momento da súa morte, desde fóra e desde dentro do país, perviven hoxe. Así, a imaxe que nos chegou de Rosalía foi a dunha muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e amantísima esposa, saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se chegou a cuestionar a autoría dos seus poemas, asignándolle ao seu home, Murguía, a súa creación, pois Rosalía foi considerada habitualmente na historiografía como muller de escasa formación cultural.

Antes de morrer, Rosalía fora branco de aldraxes, mais despois de morrer foi conscientemente marxinada polos estudosos da literatura española, a pesar de ter sido a escritora en castelán máis importante da súa época por terse anticipado, na súa prosa castelá,  aos escritores modernistas e, na súa poética aos pensadores existencialistas do sec. XX. A pesar dos numerosos textos que todos os nosos autores do XIX produciron en castelán, nin un só estudo nin estudoso da Historia da Literatura Española os menciona. Parece que aquela realidade foi interesadamente terxiversada, cando non ocultada. Por que?

0 comentarios: